Charlas Online, Entrevistas
O Alfoz deixa noqueados ós veciños tra-lo derbi
Os verdebrancos impuxéronse ó Valadouro, que queda a 5 puntos da permanencia, de rematar a liga da Rexional Autonómica con dous lucenses en descenso.
O empate entre Castro e Milagrosa deixa a ambos conxuntos a 2 puntos do primeiro posto de descenso, que ocupa o Cabreiros.
Portomarín e Riotorto continúan nas dúas últimas prazas tras volver perder.
O Alfoz escapa dos postos de descenso tras impoñerse no derbi ó Valadouro por 1-3. Os verdebrancos, que suman 3 xornadas sen perder, nas que sacaron 5 puntos están, con 21 puntos, dous por enriba da decimoquinta praza, que a día de hoxe non garantiría a permanencia. O Valadouro queda moi tocado, con 16 puntos, a 5 da permanencia e co golaverage perdido con dous rivais directos, como son os alfocenses e o Cabreiros. Os amarelos sumaron só 5 puntos nas últimas 12 xornadas.
O Cabreiros, que contra pronóstico, empatou en Ferreira a 1 gol continúa a dous puntos da permanencia. Os de Schuster e Del Río contan con 19 puntos tras sumar a segunda xornada consecutiva puntuando (na anterior venceron ó Valadouro).
Con 21 puntos, empatados co Alfoz están Milagrosa e Castro. Ámbolos equipos empataron a 2 tantos no municipal de Castro. Os capitalinos sumaron 15 puntos nas últimas 8 xornadas, polos seis que fixeron nas 13 primeiras. Pola súa banda, o Castro leva tres xornadas seguidas puntuando, nas que sacou 5 puntos.
Nos dous últimos postos seguen Riotorto e Portomarín, con 10 puntos. Os branquiazuis caeron por 1-3 ante o Lourenzá, nun encontro que comezaron gañando pero no que non souberon manter a renda acadada na primeira metade. O Riotorto remou en Bóveda ata morrer na beira. Os de Mandiá levantaron un 2-0 e cando se xogaban os últimos minutos, os locais fixeron o definitivo 3-2, que deixa ós riotortenses unha semana máis como cerraportelos. da clasificación.
A Residencia caeu por 2-0 en Outeiro de Rei e pese a ser undécima, con 22 puntos, só ten 3 de marxe co descenso. Os branquiazuis non sumaron ningún punto nas últimas 3 xornadas. O Xermade, que empatou a 1 co Taboada, está nunha situación un tanto máis tranquila con 26 puntos. Os xermadinos suman catro xornadas sen perder, nas que conseguiron 6 puntos.
