Joomla Templates and Joomla Extensions by JoomlaVision.Com
  • Charlas Online, Entrevistas

O Portomarín négase a dar o brazo a torcer

Taboada vs Valadouro | perrobarrenhovello.blogspot.com/Os branquiazuis venceron en Castro e están a 8 puntos da permanencia.

Alfoz, Milagrosa e Residencia collen distancia cos postos de perigo tras sacar adiante os encontros no seu feudo.

O Cabreiros continúa en descenso pese a sumar por terceira xornada consecutiva.

 

O Portomarín (13) conseguiu en Castro a terceira victoria da tempada. Os branquiazuis leváronse o triunfo con dous tantos nos instantes finais, ante un Castro (21) que queda cun só punto de marxe co descenso. Os do Chao da Poza levaban oito derrotas consecutivas e aínda non gañaran a domicilio. Con esta victoria deixan a 8 puntos a permanencia e co golaverage gañado ante os chairegos. O Castro viña de encadear tres xornadas consecutivas puntuando.

Na última posición continúa practicamente sen esperanzas o Riotorto (10). O club do fútbol lucense que máis tempadas leva consecutivas en Primeira Autonómica caeu por 3-0 ante o líder Lemos e deixa a permanencia a 21 puntos. Os de Mandiá non gañan dende fai 17 encontros, cando se impuxeran ó seu próximo rival, o Lourenzá, na que foi a súa única victoria do campionato ata o momento.

En problemas tamén está o Valadouro, que caeu por 2-1 en Taboada. Os de Casal (16) teñen a permanencia a 5 puntos tras sumar a terceira derrota consecutiva. A domicilio os amarelos aínda non gañaron. O Cabreiros tamén descendería por mor dos arrastres de categorías superiores. Os brancos (20) están a un punto da permanencia logo de igualar a 1 tanto ante o Bóveda. Os de L. Del Río sumaron 5 puntos nas últimas tres xornadas nas que conseguiron empatar ante rivais da zona alta como os vermellos e o Ferreira.

Fóra do perigo atópase o Alfoz (24), con catro puntos de marxe. Os verdebrancos impuxéronse ó Ferreira no Municipal con tantos dos seus dous Danis (Río e Daniel). O Alfoz encadea catro xornadas sen perder, e con Pichi no Banco sumou 11 dos 18 puntos en xogo.

Os dous equipos da capital solventaron tamén os seus encontros fronte a rivais da zona alta con victorias. A Milagrosa (24) impúxose con claridade ó Outeiro por 4-1 e suma así 10 dos últimos 12 puntos en xogo e a Residencia (25) venceu por 2-0 ó Pastoricense e puxo así punto final a tres xornadas perdendo.

En zona tranquila segue o Xermade (26), que perdeu por 1-0 ante o Páramo nun encontro moi igualado. Os xermadinos levaban catro xornadas sen perder, nas que fixeran 6 puntos.