Charlas Online, Entrevistas
A loita polo ascenso abrese de novo tra-lo empate entre Rioaveso e Iberia
Os catro primeiros clasificados están en 4 puntos a falta de 11 xornadas para o remate do campionato.
Guitiriz e Meira continúan con opcións a 4 e 6 puntos da segunda praza.
Matela e Candelaria gañan e seguen asentados na zona media da clasificación.
Rioaveso e Iberia empataron a 1 tanto e deixan a loita polo ascenso máis aberta que nunca a falta de once xornadas para o final do campionato. Os vilalbeses continúan líderes, con 40 puntos, e 2 de marxe coa terceira praza. O Iberia é cuarto, a 1 punto da segunda posición. O Rioaveso só sumou un punto dos últimos 6 en xogo ante rivais directos, como o Santaballés e o Iberia. Os mariñáns levan dous empates consecutivos.
Ata a segunda praza ascendeu o Santaballés, logo de impoñerse na Mina ó Sporting Pontenova por 0-2. Os branquiazuis contan con 39 puntos e volveron a gañar a domicilio tras tres derrotas consecutivas. O Cervo (38) persigue ós de Kubala tras impoñerse por 2-5 en Trasvías ó Galdo. Os cervenses marraron dous penaltis nun encontro no que os locais acabaron con dous futbolistas menos e Gayol fixo un novo hat-trick.
Na quinta praza queda o Guitiriz, que perdeu en Rúa ante a Candelaria por 3-2. Os guitiricenses (35) están a catro puntos do ascenso e a domicilio só sumou un punto dende a sétima xornada, na que gañara en Cospeito por 2-3. A Candelaria é sétima (27) tras sumar a segunda victoria consecutiva no seu feudo. O Meira FC é sexto (33) a 6 puntos dos postos de privilexio. Os de Abel impuxéronse ó Parga por 1-2 no Suso Cruz de Guitiriz e volve encadear dúas victorias seguidas logo de dúas derrotas ante Rioaveso e Iberia.
O Matela é oitavo logo de impoñerse ó sacido en San Lourenzo de Aguiar por 1-0. Os azulóns continúan firmes no seu feudo, onde só foi quen de gañar o Guitiriz.
Na próxima xornada xogaranse os seguintes encontros: Folgueiro – Cospeito, Meira – Galdo, Iberia – Spórting Pontenova, Rioaveso – Muimenta, Sacido – Celta Barreiros, Guitiriz – Matela, Cervo – Candelaria e Santaballés – Parga.
