Charlas Online, Entrevistas
O ascenso semella cousa de catro equipos
O Sagrado Corazón é o que máis vantaxa leva, con 7 puntos de distancia sobre o cuarto posto.
A priori, Sarriana, Arenas e Comercial son os outros candidatos a cambiar de categoría.
O Quiroga queda a 10 puntos tras caer co Chantada Atlético.
A medida que pasan as xornadas, semella que se descolgan candidatos na loita polo ascenso no grupo sur da Terceira Autonómica. O Quiroga, cuarto, con 31 puntos queda a 10 dos postos de ascenso logo de caer por 0-2 no San Martiño fronte o Chantada Atlético, sétimo, con 27 puntos. Os quirogueses (cun encontro menos) só acadaron 4 puntos dos últimos 18 disputados. No seu feudo asinaran unha traxectoria practicamente inmaculada ata as tres últimas xornadas. Pola súa banda, o Chantada Atlético suma 5 xornadas sen perder, nas que sacou catro empates e unha victoria.
Nas catro primeiras posicións nada cambiou. Tódolos equipos gañaron os seus encontros e as diferenzas mantéñense intactas. O Sagrado Corazón é líder (47), con 7 puntos de marxe coa Comercial (que ten un encontro menos), que é cuarta. Os branquiazuis gañaron pola mínima ó Pradeda (3-2), nun encontro no que recibiron o 20% dos goles encaixados na tempada. Os capitalinos aínda non coñecen a derrota tras 19 encontros.
Na segunda praza, a Sarriana suma 42 puntos (2 máis que a Comercial) tras impoñerse pola mínima (0-1) ó San Lázaro na Ponte. Os brancos só perderon a domicilio coa Comercial e empataron co líder Sagrado Corazón. A última praza de ascenso é para o Arenas, que se impuxo por 2-0 ó Lucense. Os monfortinos (41) levan seis xornadas sen perder, e no Luís Bodegas só gañou a Sarriana e empatou o Chantada Atlético. Dos once partidos que restan para finalizar o campionato, os gualdinegros teñen 7 no seu feudo.
A Comercial, cuarta (40) tamén venceu ó Garabolos por 3-0 no derbi da capital e queda a un punto dos postos de privilexio. Os vermellos suman seis victorias consecutivas e son o equipo que mellor xeira presenta no 2012.
Na sexta praza (28) queda o Rubian, que caeu na súa visita a Paradela por 3-1. Os do Poste puxeron fin así a unha xeira de 3 victorias consecutivas. O Río Sil, oitavo (26), impúxose por 3-0 na Carqueixa ó cerraportelos Laxosa. Os soberinos viñan de encadear dúas derrotas que lles fixeron baixar postos na clasificación. Na Carqueixa só foron quen de gañar o Rubián e o Quiroga.
Na próxima xornada xogaranse os seguintes encontros: Chantada Atl. – Laxosa, Pradeda – Quiroga, Lucense – S. Lázaro, Rubian – Comercial, Sarriana – Sagrado Corazón, Corgo – Arenas, Garabolos – Oural e Paradela – Río Sil.
