Charlas Online, Entrevistas
O Rácing Vilalbés comeza a crelo

O Rácing Vilalbés conseguiu a súa cuarta victoria consecutiva diante dun dos cocos da categoría, como é o CCD Cerceda. O equipo de Charlie xogou un encontro moi serio no Roxo e venceu así o segundo partido da semana a domicilio despois de vencer ó Rácing de Ferrol na ponte do Pilar. Os de Charlie seguen líderes, con 24 puntos, seguidos a 2 polo Pontevedra CF.
O director deportivo do conxunto chairego, sinalou a Radio Lugo que “xa practicamente descartamos estar na loita polo descenso”, pero “nunca se sabe”. O responsable directivo do Rácing Vilalbés sinalou que vai ser difícil que “se rompan xa eses dous pelotóns marcados na clasificación”. Por unha banda, os 7 primeiros, e pola outra do oitavo ó último posto. Sétimo é o Rápido de Bouzas, con 17 puntos, e oitavo o Bergantiños, con 11.
Paco Corredoira só “ve capaz de cambiar esa tendencia ó Rácing de Ferrol”, que segundo o ex do CD Lugo, “mellorou moito a cara con Aira no banco no último partido fronte ó Deportivo B”. Precisamente o filial blanquiazul será o vindeiro rival do Rácing Vilalbés o próximo domingo a partir das 17.00 h. Na Magdalena. Corredoira pensa que o Depor B é “un claro favorito ó ascenso, porque traballan, corren moito e teñen calidade”. O director deportivo do Rácing Vilalbés é da opinión de que “se verá un bo espectáculo o domingo na Magdalena”.
