Charlas Online, Entrevistas
Nico espantou as pantasmas da Magdalena no desconto
O Rácing Vilalbés volveu gañar por 3-1 fronte o Xuventú Sanxenxo (foto de El Progreso) na Magdalena tras o traspés fronte o Deportivo B por 0-4. Os de Charlie son máis líderes logo de que o Pontevedra non pasase do empate nas Eiroas, aínda que o Ourense si que venceu con sufrimento por 1-2 nas Pontes.
O Rácing Vilalbés venceu por 3-1 ó Xuventú Sanxenxo nun encontro no que foi de máis a menos, e acabou pedindo a hora. Só estiveron tranquilos os chairegos cando Nico, no 90, facía o terceiro dos locais. O conxunto de Charlie saiu decidido a polo partido ante un Xuventú que se viu asoballado dende os intres iniciais.
Justino puxo o primeiro tanto no minuto 3 e Dani aumentaría a vantaxa mediado o primeiro tempo. Pero na segunda metade todo cambiou. Os visitantes fóronse arriba e o Rácing sufriu. Nel acurtou distancias cun libre directo no 55 e as pantasmas sobrevoaban no día de defuntos pola Magdalena. Finalmente, Nico trouxo a tranquilidade no desconto.
Números de record
O Rácing Vilalbés conta a estas alturas con 30 puntos, dez máis que a pasada campaña por estas datas. A gran diferecia do Rácing do ano pasado ao de este é a maior solvencia na casa. Dos seis partidos que disputou como local o equipo chairego, gañou 4 e perdeu 2, e na pasada tempada, nestas datas só vencera 1, empatara 2 e perdera 3. A domicilio os números son igual de espectaculares: Seis victorias de seis encontros en ambas tempadas.
O conxunto da Magdalena é xunto con Caudal de Mieres no grupo asturiano, Mutilvera no navarro e SD Logroñés no rioxano, o mellor equipo a domicilio de toda a Terceira.
Así as cousas, o equipo de Carlos Alberto Díaz é líder con 30 puntos, polos 26 do Ourense, segundo e os 24 do terceiro, o Pontevedra. Con 23 quedan Alondras e Cerceda.
No resto de encontros da xornada, o Pontevedra non pasou do empate sen goles en Bergantiños, o Cerceda perdeu por 2-1 no Morrazo fronte o Alondras, o Depor B empatou no Mundo do Fútbol fronte o Betanzos (1-1) e o Rácing de Ferrol caeu por 0-1 na Malata no derbi ferrolán fronte o Somozas. Dos equipos punteiros, só o Ourense foi quen de gañar, e con apuros, por 1-2 nas Pontes. Nos outros encontros, o máis destacado foi a terceira victoria consecutiva do Ordes do focense Nacho (3-1 diante do Areas). O Rápido venceu 6-2 ó colista Lalín, o Estradense empatou a 2 co Dorneda e o Vilalonga goleou por 4-0 ó Negreira.
Na vindeira xornada o Rácing Vilalbés visitará o campo do Somozas o domingo a partir das 16 horas. O resto de encontros da decimoterceira data do campionato son os seguintes: Negreira – As Pontes, Ourense – Ordes, Dorneda – Rácing F., Cult. Areas – Rápido, Xuventú S. – Deportivo B, Alondras – Vilalonga, Lalín – Bergantiños, Pontevedra – Estradense e Cerceda – Betanzos.
