60 xogadores perderanse a xornada por sanción
Os distintos comités de competición encargados de velar polo funcionamento das ligas con equipos que compiten no ámbito lucense veñen de facer públicas as súas resolucións relativas ós encontros da pasada xornada. Perderanse a próxima data dos respectivos campionatos, 60 xogadores e a 4 destes futbolistas fóronlles impostas sancións de máis dun encontro.
Na Primeira Autonómica foron sancionados 12 xogadores na reunión do pasado mércores do Subcomité de Competición da FGF da Coruña. Nourredine, do Ferreira, foi o que levou o castigo máis severo. Perderase os dous próximos encontros ó ser amonestado e “dirixirse ós árbitros, directivos ou autoridades deportivas con actitudes de menosprecio”. Outros 9 equipos terán xogadores que non se poderán vestir de corto esta fin de semana. Os máis perxudicados son Cabreiros, Bóveda e Xermade, con 2 xogadores sancionados cada un.
Na Segunda Autonómica, no grupo norte perderanse a xornada 15 futbolistas. Guitiriz, Cervo, Candelaria, Celta Barreiros e Muimenta, con 2 sancionados cada un, son os equipos máis castigados pola resolución da FGF. Precisamente no Muimenta, Sandamil perderase 2 encontros por “producirse de xeito violento con ocasión do xogo sen consecuencias dañosas ou lesivas”.
No grupo sur da 2ª Autonómica, 13 xogadores non estarán nos terreos de xogo durante a fin de semana. O Palas e o Friol, cada un con 3 sancionados son os equipos máis perxudicados tras o dictame do subcomité de competición da FGF en Lugo. Breo, do Sober, perderase os dous seguintes partidos tras ser expulsado e “insultar, ofender, ameazar ou provocar a outro”.
Na Terceira Autonómica, no grupo norte só Pablo, do Momán, Jacobo do Mondoñedo e José do Roupar se perderán a xornada ó ser sancionados cada un con un encontro.
No grupo sur desta categoría, non disputarán os encontros cos seus equipos un total de 12 xogadores. Oural e Arenas, con 3 sancionados cada un, serán os equipos máis mermados polas sancións na próxima xornada. Precisamente Fuentes, do conxunto monfortino, non xogará os tres próximos encontros por “dirixirse ós árbitros, directivos ou autoridades deportivas con actitudes de menosprecio” e ser expulsado.
Nas ligas locais xuvenís perderanse os partidos da fin de semana 5 xogadores, 4 do grupo norte e un do sur.
Ademáis, a FGF apercibiu de amonestación a 5 árbitros por retrasos na entrega das actas de encontros xa celebrados. Esta situación xa provocou o malestar de varios clubs, ó coincidirlles moitos xogadores do plantel sancionados para un mismo encontro tras fallar varias actas dos seus choques na mesma reunión do comité.
