sábado , 21 octubre 2017
javi castro
Javi Castro na súa etapa no Sagrado Corazón

Javi Castro (San Lázaro): “Estamos nunha posición privilexiada”

 

Javi Castro naceu como futbolista nas categorías inferiores do Sagrado Corazón onde xogou ata os 24 anos no equipo afeccionado, despois pasou tempada e media na SDC San Lázaro, para volver fai catro tempadas ó Sagrado Corazón. Logrou dous ascensos seguidos e mantivo a categoría na Primeira Autonómica. Decidiu volver á SDC San Lázaro, onde actualmente pelexa polo ascenso a Segunda Autonómica.

A xornada pasada non puidestes confirmar o ascenso tras empatar sen goles en Quiroga, que valoración fas do encontro?
Foi un encontro moi disputado, o Quiroga é un equipo moi forte na casa e sabiamos que sería difícil sacar os tres puntos, aínda así loitamos por eles e tivemos ocasións claras para adiantarnos no marcador pero non conseguimos materializalas. O Quiroga pola súa parte tamén gozou dalgunhas ocasións, pero mantivemos a porta a cero.

Esta xornada e como locais podedes selar o salto de categoría ante o Pradeda, que encontro agardas?
Nesta tempada sabemos por experiencia propia que non hai rival sinxelo, de feito na primeira volta contra o Pradeda tivemos que remontar o encontro, polo que xa temos a lección aprendida. Xogamos na casa e xunto co apoio da nosa afección debería darnos un plus para sacar o partido adiante e poder selar o ascenso.

O comezo de tempada foi quizais algo irregular, tres das catro derrotas da tempada foron ante conxuntos que agora mesmo están fóra de posicións de play-off. En que mudou o equipo tras este tramo inicial?
Creo que o equipo notou moito as numerosas incorporacións que chegamos no verán. Como é lóxico sempre existe un período de adaptación onde todos tentamos coñecernos pronto e entender o que o noso adestrador quería que fixeramos. Unha vez superada esa fase creo que os resultados falan por si sós.

Dende novembro non coñecedes a derrota e conseguístedes sumar nove victorias consecutivas ata a igualada da pasada xornada. Cales son os puntos chave nos que se cimentou esta xeira positiva de resultados?
Como dixen anteriormente creo que a cousa estabilizouse nunha dinámica positiva dende que os xogadores nos coñecemos máis sobre o campo e sumado ó traballo semanal nos adestramentos ó final rematou dando os seus froitos. Ó principio da tempada eramos un equipo con moita xente nova que non contaba en ningunha das quinielas e grazas a ese traballo semanal, e ó esforzo do equipo cada domingo no campo, agora estamos nunha posición privilexiada.

Os números din que o San Lázaro é un equipo eficaz, cada gol anotado supuxo 1,5 puntos, sodes o conxunto menos goleado da categoría con catorce tantos encaixados. É o San Lázaro un conxunto que gaña dende a defensa?
O San Lázaro é un conxunto que gaña entre outras cousas grazas a un bo traballo táctico durante toda a tempada. É dicir: a parte defensiva é importante, pero de nada serviría ser bos defensivamente se logo na parte ofensiva o equipo non respondese. Considero que é una combinación de ambas partes o que fai que o equipo gañe. O noso adestrador preocupase por este tipo de traballo e teno presente nos adestramentos e ó final, nos partidos nótase, porque é algo que non todos os equipos da categoría traballan e en ocasións marca as diferenzas.

No apartado goleador sodes o décimo conxunto que máis tantos anota e aínda así sumas 11 goles. Contento coa túa tempada?
En liñas xerais estou contento porque estou axudando ó equipo e achegando o meu pequeno grao para que ó final poidamos conseguir o soño do ascenso. Aínda así son un xogador que sempre quere máis e quédaste algunha vez con esa espiña cravada deses partidos onde non marcaches gol ou onde non puideches dar una boa asistencia e non puideches axudar ó equipo a conseguir a victoria. Creo que é bo non ser un xogador conformista e sempre querer un pouco máis.

Como está a ser a túa etapa no San Lázaro?
Moi boa, no plano persoal a verdade é que xa coñecía a algúns dos compañeiros que viñeron e cos que non coñecía fixen boa amizade. Fixemos unha boa piña no vestiario e non só quedamos para adestrar e xogar. No plano deportivo, non pode ser mellor, xa que estase a loitar polo ascenso a Segunda Autonómica e estou axudando ó equipo a conseguilo.

Que valoración fas do que está a ser esta Terceira Autonómica?
Creo que é unha categoría que baixou un pouco o nivel con respecto a última tempada na que xoguei nela. Aínda así calquera equipo pode gañarche xa que todo esta moi igualado, xa se viron varias sorpresas esta tempada.

Que cambiarías no fútbol afeccionado lucense?
Aínda que é complicado, unha das cousas que menos me gustan é o sistema de descensos por arrastre, non me parece moi xusto que o traballo dun equipo dependa do que fagan terceiros equipos en outras categorías.

Check Also

Juan Peón durante un encontro

A Primeira Autonómica 16/17 xa coñece o seu calendario

  About Latest Posts José Manuel Lorenzo Latest posts by José Manuel Lorenzo (see all) …